Nigrán ofrece a obra “Top Manta” da compañía Fulano, Mengano e Citano

O Concello de Nigrán ofrece este venres 23 de decembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a comedia “Top Manta” a cargo da compañía Fulano, Mengano e Citano. A entrada é de balde ata completarse o aforo e a duración é de 60 minutos.

“Top Manta” -a lista dos moi listos, o hit parade dos máis vendidos- cóntanos en clave de comedia unha serie de circunstancias actuais próximas e sorprendentes. Os cortes económicos como consecuencia da crise empuxan a dous actores a cambiar os grandes escenarios polo top manta na rúa. Este é o punto de arranque e, como todas as producións da compañía viguesa, trátase dunha obra crítica e sarcástica sobre a realidade, aínda que os seus responsables, escapan do “politiqueo barato”.

O grupo vigués de teatro nacido en 1995 Fulano, Mengano e Citano está encarnado polos actores Suso Pando, Marcos Alonso e Manuel Pombal. Nos seus espectáculos mesturan o humor coa reflexión e a crítica construtiva sobre as realidades actuais, cun sinxelo pero calculado traballo de escenificación, no que a sátira se une ao humor intelixente.