Manifesto Miñor volve abrir o debate do maltrato ao río Miñor tras as enchentes

Para Manifesto Miñor, ciclicamente o Río Miñor avisa do maltrato que leva recibindo dende hai décadas, “coa pasividade por non dicir coa conivencia das autoridades competentes na materia, pero nada”. Segundo recorda Antonio Araújo, a última limpeza seria das súas ribeiras para permitir circular a auga con fluidez foi realizada a petición súa nos anos 2007/08 cando era Alcalde de Gondomar. “Estou a referirme a deixar a canle do Miñor expedita de árbores caídas e atrancos de todo tipo. Sabemos que non é a solución definitiva, pero daquela axudou a diminuír a virulencia das enchentes”.

“A día de hoxe a situación da canle e das ribeiras do Río Miñor é francamente grave. Río abaixo hai máis de 20 árbores de grande porte caídas e atravesando o río que actúan coma auténticas represas que agravan os desbordamentos e aumentan os danos, por non falar dos innumerables recheos, etc. A auga ten memoria, quen non a ten son os gobernantes que padecemos coma sempre pasan do problema até que o temos enriba nosa. As consecuencias das riadas resólvense no verán, agora só se poden paliar os danos”, explica Araújo.

Manifesto Miñor puxo todo isto en coñecemento de Augas de Galicia, do Concello de Gondomar, da Subdelegación do Goberno e da Mancomunidade do Val Miñor por ser un problema que lle afecta a toda a comarca o pasado mes de setembro, por escrito e cunha reportaxe fotográfica onde se ve ás claras a situación e os perigos que todo iso implica. “A día de hoxe obtivemos a calada por resposta. A maiores o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar aprobou por unanimidade en outubro xestionar a construción dun paseo fluvial pola beira do Miñor até A Ramallosa onde se corrixiría o aquí exposto, e tamén acabou no caixón do despacho do Sr. Ferreira”, lamenta Araújo.

No último Pleno da Corporación de Gondomar, o portavoz de Manifesto Miñor interpelou ao Alcalde se tiña coñecemento dalgún plan de continxencias da presa de Zamáns, “pois a información sobre a situación da mesma non é precisamente tranquilizadora, tendo en conta que Gondomar sería o concello máis prexudicado”. Tampouco houbo resposta. “Pois ben, esta noite tivemos coñecemento de que abriron as comportas para aliviar a presa de Zamáns coincidindo coa maior intensidade da riada que anegou baixos, coches etc no centro da Vila”.

Dende Manifesto Miñor esixen a Ferreira que se poña a traballar e esixa sen máis dilación de Augas de Galicia a limpeza da canle do Río Miñor até A Xunqueira; así como pedirlle explicacións ao Alcalde de Vigo sobre se existe ou non un plan de continxencias que protexa a Gondomar das posibles consecuencias da presa de Zamáns.