Alumnos do Cova Terreña entregan a supermercados e froiterías carteis sobre as especias traídas do novo mundo

O alumnado de 5ºA e 5ºB de Educación Primaria do CPI Cova Terreña estivo desenvolvendo, ao longo deste primeiro trimestre do curso, o proxecto “Viaxando con Magallanes”. A visita á exposición sobre a circunnavegación de Magallanes que se inaugurou no centro, serviu de motivación para querer continuar aprendendo sobre este feito histórico e as súas consecuencias.

Así, os alumnos e as alumnas traballando de xeito individual e nos equipos cooperativos, investigaron e crearon un dossier con toda a documentación, engadindo ilustracións propias. Coñeceron máis polo miúdo as figuras de Magallanes e Elcano e aprenderon sobre as mercancías que trouxeron do Novo Mundo. Seguiron tamén as viaxes de Colón e xa están desexando que chegue a celebración da Festa declarada de Interese Turístico Internacional, a Arribada de Baiona.

Esas especias que nos trouxeron os expedicionarios: cravo, xenxibre, noz moscada, azafrán ou pementa negra podemos atopalas hoxe en día á venda con facilidade pero, noutros tempos, hai 500 anos, non era tan doado. O alumnado preparou carteis informativos sobre elas, sobre as súas propiedades e beneficios, e vanllos entregar, como agasallo, aos supermercados e froiterías da vila.