O gondomareño Juan Rodríguez Bas, primeiro premio en videocreación nos Xuventude Crea

O gondomareño Juan Rodríguez Bas foi galardoado na gala de premios Xuventude Crea 2022, no seu apartado de videocreación, co primeiro premio coa súa creación “Corpo, espazo, tempo”. A obra parte da idea do corpo en movemento, no espazo e no tempo. Enténdese movemento como un feito poético que se reflicte no corpo e nos elementos externos. Xógase con obxectos que van dialogando coa psicoloxía das personaxes ata chegar a un novo non espazo, un baleiro. Poderiamos preguntarnos quen é a nena. Será unha proxección da protagonista de pequena? Será a figura feminina con proxección no futuro? A subxectividade está presente en toda a obra para que o espectador escriba o seu propio final.

O proceso creativo parte da filosofía de Nietzsche, a obra “El hombre rebelde” de Albert Camus e o pesimismo filosófico de Schopenhauer. A construción do espazo parte do movemento. Arquitectura e danza mimetizadas nun concepto único como facía a bailarina e coreógrafa Martha Graham co obxectivo de chegar a espazos imposibles como se dunha obra de M. C. Escher se tratase. A dramaturxia visual dialoga co espazo sonoro dende unha linguaxe teatral e dramatizada.

A gala celebrada onte pola tarde na sede da Xunta de Galicia en Vigo, foi presidida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O galardoado tamén é o concelleiro de Cultura de Gondomar.

Corpo Espazo Tempo from Juan Bas on Vimeo.