Cepovisa entrega 48 diplomas a unha promoción de Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermería “excepcional”

O Centro de Estudos de Povisa entregou os diplomas a 48 novos titulados no ciclo Técnico Auxiliar en Coidados de Enfermería (TCAE), “unha das mellores promocións que pasou pola nosa escola; é, sen dúbida, excepcional”. Con estas palabras, Alfonso García, director de Cepovisa, referíase ás cualificacións dos novos técnicos, “alcanzando o 46% unha nota media de sobresaliente”.

Os alumnos, que recollían os seus diplomas este venres nun acto celebrado en Ribera Povisa, cursaron un ano de estudo e tres meses máis de Formación en Centros de Traballo (FCT) neste hospital. Dado o amplo espectro de posibilidades que ofrece esta titulación pasaron polas diferentes plantas e servizos, desde quirófano ou farmacia a esterilización ou planta, o que lles proporciona unha alta cualificación.

O acto académico estivo presidido polo xerente do hospital, Rafael Cabadas, e o director de Cepovisa, Alfonso García. Pola súa banda, Teresa Fernández Gómez, exalumna da Escola, primeiro en TCAE e logo en Enfermería, e actual coordinadora de Hospitalización de Ribera Povisa, foi a encargada de ofrecer o relatorio maxistral baixo o título “Cando elixes coidar”. Unha charla inspiradora, na que Fernández Gómez convidou ás novas TCAE a non perder a ilusión, a empatía co paciente e os seus familiares e a manter a mente aberta para seguir aprendendo. Un aspecto este último no que incidiu Rafael Cabadas, que lembrou a esta nova promoción a importancia de actualizar coñecementos, condición imprescindible nunha rama tan dinámica como a sanitaria.

A demanda para matricularse no ciclo medio de TCAE disparouse no último ano, o que obrigou ao Centro de Estudos de Povisa a aumentar o número de prazas, que no curso 2022-2023 supera os 60 alumnos, distribuídos en quendas de mañá e tarde.

Ademais de amplas posibilidades laborais, este título permite continuar a formación noutras especialidades biosanitarias de grao superior como Técnico en Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear, Técnico en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico ou Técnico en Radioterapia e Dosimetría, que tamén se imparten na Escola. Tras finalizar o grao superior, é posible ademais acceder ao grao universitario de Enfermería.