Podemos considera necesario implementar o método “Captura, Esterilización e Retorno” en Baiona

Podemos Baiona, en coordinación co Círculo Animalista Estatal e a Dirección Xeral de Dereitos Animais, vén de presentar por rexistro un requirimento no que propoñen ao Concello de Baiona, tras analizar a situación actual da proliferación de varias colonias de gatos na vila, a creación dun CER (Captura, Esterilización e Retorno), co apoio das persoas voluntarias que coidan das colonias felinas no municipio, coas que se reuniron recentemente para abordar a situación e problemática actual en Baiona.

O método CER é unha práctica recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) que, como o seu nome indica, trata da captura de gatos pertencentes ás colonias para a súa esterilización e posterior retorno ao lugar de residencia, onde adoitan ser atendidos por persoas voluntarias. “É necesario dar a coñecer á veciñanza a existencia desta realidade e promover a concienciación contra o abandono, factor que provoca a aparición destas colonias, como é o caso do último descubrimento dunha nova de 9 gatos menores dun ano de idade”, apunta Rosa Leyenda, quen rexistrou o requirimento da agrupación.

A implantación deste método favorecería a erradicación do envelenamento dos gatos das colonias, feito que pode provocar un efecto de baleiro moi prexudicial, xa que estas controlan a superpoboación doutras especies ou mesmo evitar o envelenamento doutros animais de compañía da zona. Coa súa esterilización, o número de felinos diminuiría progresivamente, sen ser un problema para a veciñanza, xa que, unha vez esterilizados, os gatos non provocarían os problemas habituais como malos cheiros pola marcaxe do territorio, miados de gatas en celo etc. Non obstante, para unha mellor convivencia e coidado destes animais precísase que as autoridades competentes poñan á disposición das persoas voluntarias toda a información e medios como establece a normativa vixente.