O PP négase no Parlamento a recuperar os catro profesores suprimidos no IES Auga da Laxe de Gondomar

A parlamentaria socialista Leticia Gallego lamentou hoxe o voto en contra do PP á proposta que presentou na Comisión de Educación do Parlamento para pedirlle á Consellería de Educación que recuperase os 4 profesores suprimidos nos dous últimos cursos no IES Auga da Laxe de Gondomar. Sinalou que este voto demostra que “nin cren nin queren un ensino público inclusivo, igualitario e de calidade”. Reclamou o reforzo do persoal de profesores e profesoras neste centro educativo, xa que as ratios implantadas pola Xunta “aínda que sexan legais, fan imposible de realizar a atención individualizada ao alumnado”, e afectan sobre todo aos rapaces con necesidades específicas, que quedan desatendidos.

Denunciou que a Xunta “só cre nos recortes de persoal, e non reflexionan sobre as consecuencias negativas que provocan sobre o alumnado”, vítimas da destrución do ensino público que, dixo, constitúe unha “agresión directa contra a nosa sociedade e contra a igualdade de oportunidades”. Advertiu que “a posibilidade de ascenso social é inexistente sen un ensino público de calidade”, mentres o goberno galego “só está interesado en abaratar custes”. A parlamentaria socialista criticou que o PP “non ten interese ningún nin na educación pública nin no trato humano que os seus cidadáns adolescentes van recibir durante seis horas ao día e durante dez meses ao ano”.

Bacharelato de Artes

A parlamentaria socialista reclamáballe hoxe tamén á Consellería de Educación que concedera o novo Bacharelato Xeral e Bacharelato de Artes para o curso que vén neste centro educativo, logo de que o conselleiro de Educación provocara a indignación das familias dos concellos de Gondomar, Nigrán e Baiona ao xustificarse en base a unha suposta falla de demanda. Gallego sinala que a comarca debera contar con todas as modalidades de Bacharelato “sen obrigar ao alumnado a desprazarse fóra da zona”, debido ás características xeográficas e o volume de poboación. Sen embargo, ningún centro educativo do Val Miñor vai contar con estas modalidades educativas, obrigando ao alumnado a desprazarse e limitando aínda máis o seu dereito a acceder ás diferentes vías educativas.