
Baiona coroará esta fin de semana ao mellor J80 do outono en Galicia na última xornada da Liga de Outono Gestilar J80, a competición de monotipos que o Monte Real Club de Yates vén celebrando en augas da baía desde o pasado mes de outubro.
Máis dunha vintena de J80s de diferentes puntos de Galicia e Portugal veranse as caras na quinta e definitiva etapa, na que está previsto póñanse en xogo tres novas probas. A partir das tres da tarde e cunha previsión meteorolóxica que anuncia boas condicións para regatear (ventos de compoñente sur de entre 8 e 12 nós), as tripulacións volverán medirse nas seis cinguidas e seis popas que supoñerán os percorridos barlovento sotaventos preparados polo comité de regata.
O Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, desde a súa posición de líder e cunha marxe de 6 puntos sobre o segundo clasificado, é o que máis papeletas ten para facerse coa vitoria final. O Solventis Ribadeo, no que se alternaron á cana Malalo Bermúdez, Alberto García e Bruno Gago; o Bica, patroneado por Chisco Catalán e o Cansino, encabezado por Fernando Yáñez son, por esa orde, os equipos que ostentan, xunto co Alboroto, as mellores puntuacións, agrupados nunha pinza de 8 puntos. Sucede ademais que o Bica e o Cansino están empatados a puntos na terceira e cuarta posición.
Unha vez finalice a disputa na auga, as tripulacións reuniranse en terra para a celebración, ás oito da tarde, da entrega de premios, na que participarán o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez; o delegado de Gestilar en Galicia, Alfonso López; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e o deputado de deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez.
O punto e final á competición poñerallo unha cea de confraternización no Monte Real Club de Yates, na que participarán todos os armadores e regatistas participantes na liga de Outono Gestilar J80.