Os socialistas reclamarán no Parlamento recuperar as prazas de profesores suprimidas no IES Auga da Laxe de Gondomar

A deputada do Grupo Socialista Leticia Gallego levará á Comisión de Educación que se celebra mañá venres, a partir das 10:30 horas, unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que recupere os catro profesores suprimidos no IES Auga da Laxe de Gondomar nos dous últimos cursos, e que lle conceda o novo Bacharelato xeral e Bacharelato das Artes no centro para o próximo curso.

A Consellería de Educación recortou catro docentes no IES Auga da Laxe de Gondomar, tres o curso pasado e este curso 2022-2023 reduce outro docente máis. Para os socialistas trátase dunha medida que repercutirá negativamente na calidade do ensino e na desatención do alumnado con necesidades específicas. “O sistema de educación pública é o garante da igualdade e motor da mobilidade social, e que está sendo desmantelado polo Goberno de Rueda”.

O centro tiña a necesidade de organizar para este curso tres grupos de 1º de ESO, fronte aos dous grupos de anos anteriores, debido a que case un 60 % do alumnado que este ano teñen nese nivel precisa dalgún tipo de medida de atención á diversidade. “Resulta esencial que os rapaces e rapazas de Gondomar teñan acceso a unha ensinanza de calidade, facendo necesario fincapé nos alumnos con algún tipo de necesidade especial que precisan de máis docentes para unha atención máis personalizada”.

O Grupo Parlamentario Socialista reclama que se aumente o número de profesores e profesoras, porque con estas ratios que quere implantar a Xunta de Galicia, “aínda que sexan legais, a atención individualizada ao alumnado vese moi afectada, por non dicir que é practicamente imposible de realizar. A Consellería de Educación está a establecer ratios e condicións de traballo dos tempos anteriores á pandemia da COVID, negando os efectos desta pandemia sobre a poboación en xeral e sobre o alumnado en particular”.

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia insta á Xunta a restituír eses catro docentes para o curso 2022-2023 no IES Auga da Laxe de Gondomar para ter unha educación de calidade e para que os alumnos e alumnas con necesidades especiais que precisan unha atención máis personalizada a podan ter, e conceder o novo Bacharelato xeral e o Bacharelato de Artes para o curso próximo no IES Auga da Laxe de Gondomar debido ás características xeográficas do Val Miñor e polo seu volume de poboación.