O BNG chama a participar o vindeiro domingo na manifestación contra a suba dos prezos

O BNG vén desenvolvendo nos últimos meses a campaña “Facer Valer Galiza” para combater a crise de prezos coa mirada posta na xustiza fiscal, o impulso á mocidade, autónomos e pequenas e medianas empresas, e a intervención no mercado eléctrico e o da vivenda, entre outras medidas que teñen por obxectivo dotar a Galiza dunha alternativa ás políticas lesivas dos gobernos galego e do estado e das imposicións da unión europea.

Fronte a grave situación de inflación e precariedade, desde o BNG convidan a toda a cidadanía a “tomar a voz e saír á rúa, xa que Galiza é un pobo vivo que non se resigna” e animan a participar na manifestación nacional convocada para o vindeiro domingo 18 de decembro en Santiago de Compostela para reclamar “unha saída xusta e digna” a esta crise.

Os representantes do BNG nos tres concellos de Val Miñor, Iago Pereira (Baiona), Manuela Rodríguez (Gondomar) e Xavier Rodríguez (Nigrán), chaman á veciñanza do Val Miñor a participar a mobilizarse contra a suba de prezos, “porque hai alternativa”, afirman. A alternativa do BNG que propón un paquete de medidas enfocado nas persoas. “Esta nova crise débea pagar quen máis ten, para redistribuír, para frear o empobrecemento xeneralizado do pobo galego, para que non a pague a maioría social. Porque non é unha crise de prezos, é unha estafa”.

Proposta do BNG de medidas urxentes:

  • Que pague máis quen máis ten. Incremento da presión fiscal sobre as grandes empresas e patrimonios e persecución da fraude fiscal.
  • Suspensión dos desafiuzamentos até o 31/12/2023 (prorrogábel).
  • Pola paz e o diálogo. O gasto militar dos Orzamentos xerais do Estado para servizos públicos (sanidade, educación…).
  • Prohibición por lei o corte dos subministros de luz, auga e gas.
  • Intervención pública no mercado da vivenda. Limitación do prezo dos alugueres e das hipotecas en vivenda habitual e locais comerciais.
  • Medidas de urxencia para controlar os prezos dos combustíbeis e dos produtos básicos de alimentación.
  • Intervención pública no mercado eléctrico para controlar os prezos. Creación dunha Tarifa Eléctrica Galega.
  • Protección do sector agro-gandeiro, marítimo-pesqueiro e PEME’S.
  • Incremento das pensións, dos salarios máis baixos e das axudas sociais.
  • Medidas transversais con perspectiva de xénero e para frear as consecuencias da crise sobre a mocidade.