Nigrán acolle desde o venres o mercado de Nadal “Bulebule”

A Praza Rosalía de Castro de Nigrán volverá ser desde este venres e ata o domingo a antesala do Nadal na comarca grazas ao mercado de inverno “Bulebule”. Esta segunda edición, organizada novamente entre o Concello e Brétema Studio, inaugurarase ás 18:00 co acendido do alumeado na praza e pasará dos 14 postos de venda de 2021 aos 36 deste ano, o máximo previsto. O evento volverá mesturar artesanía, gastronomía e marcas emerxentes con música en directo e obradoiros para nenos. Así, os concertos repetiranse en sesión vermú e de tarde-noite: o venres con The Mirror en acústico ás 20:00, o sábado con Javi Pachecho (13:30) e Micalip’s (20:00) e, finalmente, o domingo cos cantautores Niño Lobo ás 13:30 e ás 20:00 Carla Lourdes. Ademais, haberá un contacontos a cargo de “Donde Viven los Cuentos” o sábado ás 12:00 e diversos obradoiros para nenos e tamén para adultos. Os horarios e o nome das firmas asistentes poden consultarse a través da web http://www.bulebulenigran.es e as súas redes sociais.

“Queremos volver ofrecer un ambiente festivo no núcleo urbano ao tempo que dinamizamos o comercio da zona”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que a maioría dos vendedores son, precisamente, da comarca, e Brétema Studio está composto por dous mozos de Nigrán, Bárbara Ceballos e Mak Aguiar. “Bulebule Nigrán é un espazo onde hai cabida para todas esas mentes creativas que queren mostrar os seus produtos ao mundo, onde convive coas familias que veñen a pasar unha finde diferente, chea de diversión e actividades para todas ás idades”, explican ambos. Así, a estética do mercado volverá xogar un papel importante, con alumeado de Nadal e motivos referentes a esta data, ademais de presentar todos unha uniformidade e coherencia na decoración.