Contabilizados uns 350.000 quilos de alimentos procedentes da Gran Recollida 2022

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo contabilizou uns 350.000 quilos de comida procedentes da Gran Recollida celebrada a finais de novembro. Son 50.000 quilos máis de alimentos recadados con respecto ao obxectivo marcado por parte da entidade, que fixara 300.000 quilos, unha cifra coa que se poderá cubrir as necesidades básicas das persoas vulnerables, polo menos, ata a primavera de 2023.

Tras as dúas últimas citas solidarias (2022 e 2021) en formato virtual, a aspiración era volver alcanzar datos prepandémicos, é dicir, similares aos logrados durante a Gran Recollida de 2019 cando se recolleron 320.000 quilos de alimentos. Este ano, a campaña desenvolveuse os pasados 25 e 26 de novembro en formato mixto (doazóns físicas de comida e achegas económicas ao pasar pola caixa do supermercado) nun total de 135 establecementos adheridos. Participaron uns 2.000 voluntarios.

O presidente, Iván Martínez, indica que “coa situación económica máis que complicada que estamos a atravesar, cuns prezos dos alimentos disparados, conseguir estes 350.000 quilos de produtos é toda unha inxección solidaria para seguir axudando”, á vez que puxo en valor “a empatía e a sensibilidade dos nosos doantes porque si, sempre son importantes, este ano, sen dúbida, máis aínda, grazas de corazón”.

Agradecemento tamén para a marea azul solidaria do Banco de Alimentos, ou o que é o mesmo, aos seus 2.000 voluntarios que regalaron o seu tempo e o seu bo facer participando a pé de supermercado na Gran Recollida. “A presenza física de voluntarios é fundamental, non só porque nos achegamos á sociedade dunha maneira directa, senón porque, ao vernos co peto azul, estamos a lembrar que existe unha realidade social de persoas sen recursos que nos necesitan”. Para Martínez, “sen todos e cada un deles non sería posible o éxito desta Gran Recollida”.

Alba Lago, a súa madriña

Mención especial, así mesmo, para a madriña deste ano, a xornalista e presentadora de Informativos Telecinco, Alba Lago, pola súa sensibilidade e implicación total na Gran Recollida. Foi un pracer contar con ela e compartir dúas xornadas, primeiro, durante a súa presentación como embaixadora o pasado 11 de novembro e, despois, como unha voluntaria máis participando tanto nun supermercado de Vigo como noutro de Pontevedra. “Estamos convencidos que o seu prestixio profesional e proxección pública brindounos unha visibilidade moi relevante que tamén tivo moito que ver co resultado positivo da campaña”.

O Banco de Alimentos repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos durante 2021. Cun claro carácter apolítico e aconfesional, todos os seus esforzos van encamiñados a velar polo cumprimento dun dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable.