Podemos leva á Valedora do Pobo os problemas do servizo de transporte público no Val Miñor

A problemática do transporte público no Val Miñor chega á Valedora do Pobo e a outros axentes implicados na xestión do servizo. Así o confirma o voceiro e candidato á Alcaldía de Baiona, Agustín Silva, tras rexistrar na sede da institución en Santiago o escrito no que reclaman que “ao non recibir resposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia dende a anterior reclamación enviada hai uns meses, vímonos na obriga de trasladar tamén á Valedora as queixas da veciñanza, afectada polos reiterados problemas coa concesionaria dende que comezou a operar no Val Miñor hai xa dous anos”. A formación decidiu acudir á Valedora do Pobo ante a pasividade da Consellería e a propia empresa ao non facer nada ao respecto por mellorar o servizo a pesar das reclamacións da veciñanza.

“A Xunta non pode ser cómplice do deficiente servizo que presta Lugove e permitir que as veciñas/os de Baiona e do Val Miñor teñan estes problemas no seu día a día, debendo exixir que se cumpran todos os acordos municipais e os pregos do contrato recollido no Plan de Transporte Metropolitano. As administracións e a propia Lugove deben requirir e prestar en condicións un servizo tan esencial como é o transporte público e que este sexa de calidade para que a veciñanza poida chegar a tempo aos seus centros de traballo, ensino ou servizo médico”, insiste Silva. Dende Podemos Baiona agardan que a través da mediación da Valedora do Pobo coa propia Consellería e empresa concesionaria poñan solución a este problema canto antes polo ben común da veciñanza do Val Miñor e de todas as persoas usuarias.