A Área Sanitaria de Vigo celebra unha homenaxe ao seu persoal xubilado este ano

A Área Sanitaria de Vigo celebrou hoxe a súa homenaxe ao persoal dos centros de primaria e hospitalaria xubilado durante este ano 2022. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu este acto de despedida oficial, no que tamén participou o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, xunto co seu equipo directivo. En total, xubiláronse 221 traballadores de todas as categorías profesionais: 62 facultativos; 111 sanitarios non facultativos; e 48 persoal non sanitario. Nesta homenaxe, no que non faltou a alfombra vermella para recibir aos homenaxeados, entregóuselles varios regalos institucionais: unha serigrafía dunha obra doada polo artista vigués Darío Basso; así como o documento identificativo a Tarxeta Dourada, en mostra de agradecemento por todo o seu tempo de dedicación ao servizo público de saúde.

Obra de Basso

Este ano tamén continuouse co proxecto de colaboración con artistas galegos, que se vén desenvolvendo nos últimos anos. Así, os pintores realizan unha doazón dunha das súas obras á Sanidade pública viguesa, e autorizan a realización dunha tirada limitada de serigrafías, réplicas do orixinal, numeradas e asinadas polo autor, que constitúen o obsequio conmemorativo ao persoal xubilado. Darío Basso foi quen doou a obra “Las mariposas del alma”, un acrílico sobre papel artesán. Segundo explicou o artista esta pintura está inspirada nos debuxos que realizou o Dr. Ramón y Cajal nas súas investigacións; coa expresión “mariposas del alma” o pai da neurociencia moderna referíase a un tipo particular de neuronas.

Tarxeta dourada

A tarxeta dourada, iniciativa posta en marcha hai uns anos, é un documento identificativo que acredita a condición laboral como traballador xubilado da Área Sanitaria de Vigo, e simboliza o respecto e recoñecemento debidos por parte da Institución. Esta tarxeta é ofertada a todo o persoal que anualmente se xubila. Permite ao persoal en activo dos centros sanitarios públicos identificalo como xubilado do Servizo Galego de Saúde e polo tanto como un compañeiro máis. Ademais, por cortesía da Cafetaría Apetéceme o persoal xubilado poderá seguir desfrutando dos mesmos descontos que o resto do persoal en activo, tanto na cafetería como nas empresas da cidade coa que manteñen acordos.