A área de Medicina Nuclear de Ribera Povisa incorpora un PET-TAC de última xeración

Ribera Povisa puxo en marcha este mes de decembro o PET-TAC, un dos equipos tecnolóxicos máis punteiros na área de Medicina Nuclear e que supuxo un importante investimento por parte do grupo Ribera, ao que pertence o hospital vigués.

“O PET-TAC permite unha maior sensibilidade e precisión diagnóstica, polo que moitas veces os achados son moito máis precoces”, sinalou o xefe do servizo de Medicina Nuclear, Ceferino Gutiérrez Mendiguchia. Trátase dun aparello híbrido de última xeración que combina á Tomografía por Emisión de Positrones (PET) coa Tomografía Axial Computarizada (TAC), polo que permite localizar con maior exactitude a área anatómica a estudo.

Aos pacientes oncolóxicos, que son os principais usuarios do PET-TAC, aínda que non os únicos, inxéctaselles un radiofármaco que se deposita nas células tumorais e que ofrece un gran contraste entre a zona afectada e as que non o están. “É un equipo que nos achega estar na vangarda da tecnoloxía e que mellora a precisión diagnóstica. No campo da oncoloxía, ademais, supón un gran avance porque nos permitirá implementar mellores tratamentos, máis precoces e máis axeitados a cada paciente”, indicou o doutor Gutiérrez Mendiguchia.

“Non substitúe a ningún equipo, senón que os complementa e permítenos dar un salto de calidade. Por exemplo, tras o diagnóstico dun cancro de pulmón tras un TAC convencional, o seguinte paso será utilizar o PET-TAC para estudar como está estendido ou se existe metástase. É moito máis sensible e preciso”, explicou o especialista. Ademais do cancro, o equipo pode detectar a presenza de enfermidades como a epilepsia, demencias como o Alzheimer ou a enfermidade de Parkinson, entre outras.

Tras obter en novembro a autorización do Consello de Seguridade Nuclear para a súa posta en marcha, o PET-TAC completa a renovación tecnolóxica iniciada en Ribera Povisa en 2021 cunha firme aposta do grupo Ribera, que investiu máis de tres millóns de euros coa chegada, entre outros equipos, dunha nova resonancia magnética e un acelerador lineal.

A chegada do PET-TAC estivo acompañada tamén dun importante investimento na habilitación do espazo no que se situou, onde se renovou así mesmo o instrumental, o utillaxe e o mobiliario necesario para a súa posta en funcionamento.

Do mesmo xeito, do mesmo xeito que nos espazos onde se situaron nos últimos dous anos o novo acelerador ou a resonancia, a sala na que se atopa o PET-TAC decorouse cun xigantesco vinilo que mostra a beira dunha praia e tamén conta con iluminación baseada na cromoterapia co obxectivo de tentar reducir a tensión dos pacientes.