Podemos insta ao Concello de Baiona a facer públicos os datos do informe de contaminación da Foz do Miñor

Podemos Baiona vén de rexistrar un requirimento ao Concello para solicitar que se fagan públicos os datos do primeiro informe sobre o estado da auga e dos fondos da Foz do Miñor e se conclúa o estudo canto antes dada a importancia da súa recuperación ambiental, ao atoparse esta dentro da Rede Natura así como para recuperar a actividade extractiva.

Dende a formación lembran que aínda que non se deron prazos concretos, valorábase que os primeiros datos concluíntes poderían chegar a partir deste verán. Transcorridos máis de 6 meses dende o anuncio do devandito encargo á empresa Teswater Global, estes aínda non se coñecen nin se publicou ningún tipo de informe. Por iso, dende Podemos Baiona instan ao Concello a facilitar á veciñanza os datos e a documentación achegada ata o momento, tal e como se comprometeran os tres alcaldes do Val Miñor en maio, con motivo do Día Europeo da Rede Natura 2000.

Tras a xuntanza mantida entre a formación e a directiva da Confraría de Baiona, quen tamén manifestaron a súa preocupación polo proxecto de instalación do Parque Eólico Mariño “Volanterio” e o que isto pode provocar na pesca e o marisqueo para as persoas que viven do mar en Baiona, “fomos informados -explica Agustín Silva, voceiro da formación e candidato á alcaldía-, de que a directiva, lamentablemente, segue sen obter información sobre o estado da Foz, aínda que son as persoas principalmente interesadas da súa recuperación”.

“Preocúpanos que dende o Concello sigan ocultando información tan importante á veciñanza de Baiona e do Val Miñor, sendo isto algo habitual, xa que tamén seguimos agardando a documentación da analítica da auga da Fonte do Pombal solicitada por rexistro hai máis dun mes, así como o plan da seca que “supostamente” teñen preparado e enviado á Xunta”.

“É necesario que se dean a coñecer estes datos e, sobre todo, que se coñeza que actuacións teñen previstas levar a cabo dende o Concello xunto con Augas de Galicia e a Xunta”, conclúe Silva.