O PP critica a ausencia da Banda de Música de Baiona e do Grupo Baiona Bay no BaiNadal

O Partido Popular lamenta que nin a Banda de Música de Baiona-Mougás nin o grupo de corda e voz Baiona Bay están incluídos na programación do Nadal organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona. Un feito que sorprendeu ao grupo municipal do PP tendo en conta que se trata de dúas agrupacións musicais referentes no municipio grazas ao traballo e ao esforzo dos seus compoñentes, cuxos concertos durante anos foron un dos pratos fortes do cartel das festas na localidade. Cabe destacar que o Concerto de Fin de Ano da Banda de Música foi un clásico entre os veciños de Baiona e de toda a comarca do Val Miñor para despedir o ano. “Pero, por unha decisión unilateral do tripartito PSdeG, BNG, Nos, este ano non se poderá gozar deles”.

“A falta de aposta do alcalde, o socialista Carlos Gómez, e de todo o seu equipo pola Banda de Música de Baiona xa vén de lonxe. En decembro de 2021 o grupo municipal popular propuxo ao goberno local unha homenaxe de agradecemento a este colectivo polos 25 anos de contribución á cultura e a tradición de Baiona, pero o rexedor rexeitou a organización do acto. Ademais, a agrupación tampouco foi convidada os actos do Día da Hispanidade en 2021 e 2022 como tamén era tradicional”, conclúen desde o PP.