
A Biblioteca Municipal de Nigrán será desde este luns 5 de decembro a primeira da comarca en estrear horario nocturno para a sala de estudo en época de exames universitarios. En concreto, será do 5 ao 20 de decembro e do 9 ao 25 de xaneiro cando pase dun horario habitual de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas e sábados de 10:00 a 14:00 a un horario ampliado de luns a venres de 9:00 a 00:30 e sábados, domingos e festivos de 10:00 a 20:00 horas. Equipárase así a unha gran urbe como Vigo, coa de Peritos e Cuvi con esta mesma medida. Este tempo “extra” será exclusivamente para o emprego da sala de estudo.
“Gañamos un edificio moderno, acorde ás necesidades do municipio, e no que os usuarios se atopan moi a gusto, por iso está tendo moitísimo éxito a sala de estudo e hai gran interese en sacarse o carné”, explica o alcalde, Juan González sobre esta instalación que pasou dos 120 m2 do Ceán aos 1.200 m2 da actual. Esta multiplicación do espazo permitiu distribuír holgadamente os 50.000 exemplares e incorporar conceptos que antes nin sequera podían ter cabida (zonas de lectura, aula de traballo conxunto ou dous puntos de consulta audiovisual).
A sala de estudo da antiga infraestrutura no Ceán contaba con 16 prazas, sendo precisamente unha das grandes demandas da veciñanza, por iso a actual Biblioteca foi deseñada cunha sala especial que multiplica a capacidade ata 68 postos e con iluminación independente en cada mesa, estando habitualmente ocupada ao 90%, tal e como destacan os propios técnicos. “É unha sala moi agradable, na que entra moitísima luz natural e que conta cunha dobre altura, invita a vir a propósito a estudar aquí”, subliña González. A proba do gran tirón que está a supoñer a nova Biblioteca en Estrada pola Vía (altura do 118, no núcleo urbano) é que desde que abriu as súas portas o 8 de novembro suma cada día unha media de 30 socios, o que se traduce en máis de 600 usuarios novos nestas semanas e un total de 4.463 socios activos.