A empresa Marine Instruments, con sede no polígono nigranés de Porto do Molle, representará a España na presente edición dos European Business Awards. Tras ser seleccionada de entre 122 empresas españolas como a máis innovadora, competirá agora para alzarse co galardón europeo na terceira e última rolda fronte ás 12 empresas seleccionadas doutros países europeos.
O xurado, composto por varios líderes de empresas europeas, seleccionou a Marine Instruments polo seu compromiso coa innovación, a súa ética e o éxito alcanzado no seu negocio.
Marine Instruments é unha empresa especializada en tecnoloxía para o sector pesqueiro. Desde os seus inicios en 2003, experimentou un importante crecemento, alcanzando o 25% anual nos últimos anos. A súa estratexia é clara: apostar pola innovación e desenvolver produtos que respondan as necesidades dos seus clientes, incluso anticipándose a elas. Actualmente, Marine Instruments vende en máis de 30 países e é líder mundial no seu sector.
O ano pasado Marine Instruments competiu nestes mesmos premios na categoría de estratexia de crecemento e finalmente alzouse co premio europeo. Este ano compite unha vez máis polo galardón europeo nunha nova categoría, a innovación, alicerce fundamental e clave para o éxito da empresa.
“Estamos moi orgullosos de que estes prestixiosos premios recoñezan o noso esforzo e capacidade de innovación por segundo ano consecutivo. Ser seleccionados como gañadores nacionais nunha categoría tan importante para nós como é a innovación e sendo por tanto unha das 12 empresas máis innovadoras de Europa, anímanos a seguir traballando para manter o noso compromiso coa innovación e a calidade, alicerces fundamentais da nosa estratexia de empresa”, declara Gabriel Gómez Celaya, Director Xeral de Marine Instruments.
Os gañadores nacionais de cada país serán reevaluados na categoría elixida e os gañadores finais das devanditas categorías anunciaranse durante a Gala Final dos European Business Awards o 23 de maio 2018 en Varsovia, Polonia.
Ademais, Marine Instruments compite nunha votación mundial para converterse en gañador do premio do público. Para ver o vídeo e rexistrar o voto, só hai que entrar aquí https://www.businessawardseurope.com/vote/detail-new/26/23129

