Gondomar inaugura a súa pista de xeo natural

Gondomar inaugurou este sábado a que será unha das súas atraccións estrela deste Nadal, a pista de xeo natural, situada nunha gran carpa instalada na Pista Polideportiva A Feira, fronte ao Pavillón Municipal de Deportes, e que estará aberta ata o día 8 de xaneiro. A pista, de 200 m2, contará cunhas monitoras de luxo, as patinadoras do CPA Gondomar. Con esta iniciativa o Concello quere potenciar o comercio e a actividade deportiva.

As instalacións estarán abertas en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 21:00 horas pola tarde de luns a xoves e de 16:00 a 22:00 horas os venres e sábados. O prezo da entrada é de 3 euros, e inclúe o alugueiro dos patíns. Con cada entrada os usuarios terán dereito a unha sesión de 45 minutos, dos que se destinan os 15 minutos iniciais e finais ao cambio de patíns. Ademais, pódense alugar casco e apoios para axudar a patinar. Tamén hai venda de luvas, que son obrigatorias.

Os menores de idade deberán ir acompañados dunha persoa adulta. A reserva de entradas está dispoñibles a través desta ligazón. Para grupos superiores a 20 persoas ou excursións, deben poñerse en contacto a través do correo alcaldia@concellodegondomar.gal.

O Alcalde Paco Ferreira, destacou que “desde que chegamos ao goberno, Gondomar xa é un referente nas festas de Nadal, e que este ano fixemos un esforzo para que o sexa aínda máis, con máis actividades e cunha programación pensada para toda a familia”. O rexedor indicou que nos próximos días presentarase a programación completa para estas festas e convidou a toda a cidadanía a “gozar dunhas festas tan entrañables”.