
O Concello de Nigrán acolleu esta mañá en Praia América o acto central do Día Internacional das Persoas con Discapacidade que se festexa cada 3 de decembro e que na comarca organizou o CEE Juan María de Parada convidando a todos os escolares do municipio e aos tres alcaldes da comarca, Juan González (Nigrán), Francisco Ferreira (Gondomar) e Carlos Gómez (Baiona). Baixo o lema “Compartindo Soños” cada colexio de todo o Val Miñor elaborou a súa propia cometa, na que escribiron os seus mellores desexos. O resultado foi máis de mil nenos e nenas intentando facer voar a súa manualidade ao son da canción “Volar” de Álvaro Soler. Posteriormente tomaron un chocolate quente ofrecido polo Concello de Nigrán e continuaron divertíndose coas cometas e a música de Skandal Dj.
Neste acto previo polo Día da Discapacidade, Pepe, Alicia e Iago, usuarios do CEE Juan María, leron ante todos os asistentes un manifesto no que, entre outras cousas, pediron unha mellor lexislación para acadar a accesibilidade universal, demandaron a figura de persoas facilitadoras, escolas onde ninguén se sinta excluído, atención sanitaria digna, un sistema laboral que os teña presente ou o dereito a ter parella “sen que nos miren raro”. Este ano o tema de Nacións Unidas para este día é o das “solucións transformadoras para un desenvolvemento inclusivo: o papel da innovación para impulsar un mundo accesible e equitativo”.