Miguel Ángel López, xefe de Rehabilitación de Ribera Povisa, entre os 50 médicos mellor valorados de España

Miguel Ángel López, xefe de Medicina Física e Rehabilitación do hospital Ribera Povisa, foi incluído na lista dos 50 médicos mellor valorados de España elaborada por Top Doctors a partir das votacións do propio colectivo médico ao longo deste ano. “Quero trasladar o meu agradecemento aos colegas médicos e aos pacientes que tiveron a cortesía de valorar o meu traballo. Tamén a Top Doctors por esta distinción e a Ribera Povisa por seguir deixándome crecer. Isto é un recoñecemento á miña traxectoria profesional e unha motivación, sen dúbida, para seguir traballando na mesma liña e continuar ofrecendo as miñas mellores prestacións a compañeiros e pacientes”, sinalou o doutor López.

“Aínda que coñezo desde hai anos a listaxe de Top Doctors e o prestixio dos seus premios, non era consciente de formar parte do mesmo”, admitiu o especialista, que confesa recibir con “sorpresa” a noticia de ser o profesional mellor valorado de España no ámbito da Medicina Física e a Rehabilitación.

Os Top Doctors Awards, que se outorgan desde 2014, inclúen aos mellores doutores e especialistas españois da medicina privada máis votados de cada especialidade en base á súa experiencia, formación nacional e internacional, cargos de responsabilidade, habilidades ou grao de especialización. Ademais do aval dos profesionais sanitarios, estes premios á excelencia médica cotéxanse coas valoracións dos cidadáns para asegurar que os gañadores teñen tamén o recoñecemento dos pacientes.

Investigación e ideas innovadoras

Ademais de estar á fronte do servizo de Rehabilitación e da Unidade de Accidentes de Tráfico e Laborais de Ribera Povisa, Miguel Ángel López dirixe o ensaio clínico iSARC™ para detectar sarcopenia a través dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial e desenvolvida pola startup medtech Dawako, unha empresa especializada en medicina de precisión. O especialista está moi envorcado neste proxecto, que arrancará en xaneiro e que permitirá detectar precozmente esta patoloxía infradiagnosticada que afecta principalmente a persoas maiores de 60 anos e que provoca unha debilidade progresiva pola perda da masa e calidade muscular.

En plena pandemia, o doutor Miguel Ángel López e o seu equipo gravaron e puxeron ao dispor da cidadanía máis dun centenar de vídeos para que os pacientes do servizo de Rehabilitación puidesen continuar realizando os seus exercicios de recuperación en casa ante a imposibilidade de acudir ao ximnasio de Ribera Povisa durante o confinamento.

Os vídeos, con máis de dous millóns de visualizacións, abarcan desde a recuperación dunha articulación tras unha lesión traumática ou unha operación, a exercicios dirixidos a pacientes con distintos graos de discapacidade ou secuelas por unha infección por Covid ou tras un cancro ou un ictus, entre outros.

Catro especialistas distinguidos en Galicia

Na prestixiosa clasificación tan só hai catro especialistas con consulta na comunidade galega. Ademais do doutor López, incluíuse ao urólogo Andrés Rodríguez Alonso, do hospital Ribera Juan Cardona de Ferrol, tamén do grupo Ribera. Os outros dous facultativos que aparecen na listaxe son o oncólogo José Luis Fírvida Pérez, en Ourense, e o experto en Senoloxía e Patoloxía Mamaria, Martín Ulloa, na Coruña.