Nigrán inicia a humanización da rúa Mestra Emérita cun investimento de máis de 300.000 €

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras para humanizar a rúa Mestra Emérita de Priegue cun investimento de ‪309.127‬ € e un prazo de execución dun máximo de 3 meses. A estrada, de aproximadamente 850 metros de lonxitude e que conecta Nigrán con Vigo, atópase en moi mal estado de conservación e carece dun espazo seguro para os peóns, motivo polo que a veciñanza demandaba especialmente este investimento. Así, o proxecto redactado polo estudo de enxeñería Interurban contempla basicamente a renovación de todo o asfaltado e a creación dunha beiravía transitable.

“Era unha vella demanda da parroquia que ao fin cumplimos tras moitos meses máis dos previstos de tramitación de permisos sectoriais ao estar afectado por elementos patrimoniais como o Camiño de Santiago ”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que a estrada “gañará moitísimo en seguridade viaria e confort para os usuarios” xa que actualmente presenta fisuras, fochancas e desgaste de toda a capa de rodadura tras décadas sen tocarse.

Así, renovarase todo o asfaltado cunha nova mezcla bituminosa que non poderá empalmar cos muros tradicionais, sinalizarase toda a rúa novamente e os diferentes pasos de peóns serán sobreelevados. Ademais, mudarase a rede de drenaxe e dotarase de saneamento á única zona que aínda falta (contorna do número 20). O maior cambio será, sen embargo, a construción dunha beiravía transitable para peóns na marxe dereita (sentido Vigo). Esta estará diferenciada mediante superficie de formigón desactivado e cunha banda de amortiguamento de 10 cm de cantos rodados e separadores de goma. “Actualmente os peóns circulan polas marxes sen ningún tipo de separación ou diferenciación e con zonas que nin están asfaltadas”, explica González.

Na mesma parroquia o Concello incluíu no plan de asfaltados de ‪633.127‬,28 € que se está a executar as rúas Pedrosas, Comesaña, Cea, PO-235 e Abetos, todas ellas deberán estar rematadas antes de dous meses. Paralelamente, nas vindeiras semanas empezarán as obras para dotar de saneamento á rúa Raña.