Gondomar acolle a exposición “50 anos cambiando a historia do cancro”

Esta mañá inaugurouse en Gondomar unha exposición fotográfica que relata 12 fitos nacionais importantes, entre os que se atopan os resultados do grupo do Doutor Antoni Castells nas investigacións en cancro de colon ou as da Doutora Marisol Soengas, na loita contra o melanoma. A mostra, titulada “50 anos cambiando a historia do cancro”, poderá desfrutarse na rúa Ángel Urzáiz de Gondomar, nas inmediacións da Casa do Concello, ata o 5 de decembro.

Ao acto de inauguración acudiron Telmo Crespo, coordinador Territorial da Asociación Española contra o Cancro en Pontevedra, Jose Ángel Casal, representante da sede local do Val Miñor, xunto a Rocío Goberna, concelleira de Comercio e Turismo, e Brais Misa, concelleiro de Medio Ambiente, en representación do Concello de Gondomar. De xaneiro a outubro de 2022 a Asociación Española Contra o Cancro fixo un total de 360 intervencións na comarca do Val Miñor.

Esta exposición celebra os 50 anos do inicio por parte da asociación das primeiras investigacións desta enfermidade. Entre os 12 fitos expostos, atópanse dous que tiveron lugar na provincia de Pontevedra a cargo dos Doutores Joao M. Fernandes e Mónica Martínez, un polos seus avances na biopsia líquida e o outro no estudo de certas alteracións do ADN nas células tumorais.