A Axencia de Protección de Datos apercibe ao Concello de Gondomar

A Axencia de Protección de Datos vén de sancionar ao Concello de Gondomar cun apercibimento e a posta en coñecemento do Valedor do Pobo, pola instalación de videocámaras en edificios e lugares públicos sen axustarse á legalidade vixente e sen os distintivos informativos que o Regulamento de Protección de Datos obriga a colocar en lugar suficientemente visible. Esta resolución vén dada a partir dunha denuncia presentada o 4 de decembro de 2021 despois de que o alcalde se negase a entregar a información solicitada pola instalación de cámaras de videovixilancia en varios espazos, tanto vía pública, como dependencias municipais, sen contar coas pertinentes autorizacións para elo, nin sinalizar axeitadamente as mesmas así como a non instalación dos preceptivos carteis informativos de zona videovixilada. Na denuncia tamén se fixo constar a negativa a facilitar os expedientes administrativos habilitantes que deberan cursarse pola Delegación do Goberno, que autorizara a instalación de cámaras en vías públicas. Na resolución emitida este pasado venres pola AEPD fan constar a falta de colaboración do Concello na investigación realizada pola Axencia, ao non contestar a ningún dos requirimentos efectuados.

No escrito mencionan que hai que ter en conta que a instalación e uso de sistemas de videovixilancia implica un tratamento de datos de carácter persoal, polo que se deberá cumprir cos preceptos relacionados coa Lei Orgánica 3/2018, 5 decembro (LOPDGD). Debendo para iso colocar, nas zonas videovixiadas, polo menos un distintivo informativo situado en lugar suficientemente visible, tanto en espazos abertos como pechados, ao obxecto do deber de información previsto no art. 13 RGPD. Os cidadáns serán informados de maneira clara e permanente da existencia destas videocámaras fixas, sen especificar o seu emprazamento, así como da autoridade responsable do tratamento ante a que poder exercer os seus dereitos. Lémbranlle a importancia dos dereitos en xogo, así como a responsabilidade do Concello, instando a que adopten as medidas correctoras precisas, tras a revisión das principais cámaras instaladas, para que estas axústense á legalidade vixente, debendo cumprir unha función acorde á súa natureza e estar debidamente informadas, podendo ser as mesmas revisadas polo Servizo de Inspección da Axencia en caso de estimarse preciso, podendo unha conduta non colaborativa ser tida en conta para futuras actuacións por parte da Axencia de Protección de Datos.

A voceira do Partido Popular de Gondomar acusa ao alcalde de gastarse recentemente máis de trinta mil euros en novas cámaras de vixilancia e a renovación de outras e que estas non sirvan para a seguridade dos veciños ao estar instaladas sen cumprir coa legalidade vixente, polo que non poderían ser usadas en caso de incidencias. Recórdanlle que a lei e os procedementos están para cumprirse e que polo feito de ser Alcalde non pode facer as cousas “á súa maneira”. Afirma Paula Bouzós que “con esta resolución queda aínda máis evidenciada a falta de transparencia de Paco Ferreira, que non facilita información nin á Axencia de Protección de Datos, como xa viñemos denunciando dende comezo desta lexislatura”.