Alta tensión na Liga de Outono Gestilar J80

Alta tensión na Liga de Outono Gestilar J80, cunha táboa de resultados moi axustada tras a celebración, este sábado nas Rías Baixas, da antepenúltima xornada. Varias condicións inesperadas fixeron que a terceira das cinco etapas do campionato de monotipos que organiza o Monte Real Club de Yates fose unha das máis emocionantes das disputadas ata o momento.

Unha das sorpresas do día deuna o Marías do portugués Manel Cunha, que tras non participar nas dúas primeiras xornadas, fixo unha entrada estelar na competición vencendo nas dúas probas disputadas este sábado. A tripulación lusa fixo pleno de vitorias, pero coa súa escaseza de mangas disputadas terá difícil acceder ás posicións de podio desde o posto 18 que ocupa na actualidade.

Menos sorpresa foi a subida á cabeza da clasificación do Solventis Ribadeo, que tras a súa gran actuación na anterior xornada con Malalo Bermúdez á cana, este sábado, con Alberto García liderando ao equipo, logrou manter o seu bo facer e a súa serie nos resultados. Asinou dous segundos postos que lle permiten colgarse, temporalmente, o ouro da competición.

Peor sorte viviuna un dos favoritos para facerse co triunfo da Liga de Outono Gestilar J80, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro. O actual campión de España da clase fixo un fóra de liña e perdeu o liderado que traía desde a primeira xornada, quedando relegado á segunda posición por detrás do Solventis.

Tras o primeiro posto do Solventis con 13 puntos e o segundo do Alboroto con 15 puntos, aparece, en terceira posición, con 17 puntos, o Bica de Chisco Catalán, que volveu cambiar unha vez máis de tripulación, contando nesta ocasión con Laureano e Jaime Wizner a bordo, aos que tamén se sumou Jesús González-Llanos.

O Cansino de Fernando Yáñez, en cuarta posición, é o barco que máis posibilidades ten para pelexar por algún dos postos de honra nas dúas xornadas que restan para que finalice a liguiña. Con dous terceiros postos nas probas disputadas este sábado e tras eliminar o seu peor resultado grazas ao descarte, queda con 22 puntos, bastante próximo aos tres primeiros clasificados e afastado do resto.

Máis abaixo, unha marxe de apenas 5 puntos, entre os 32 e os 36 puntos, agrúpanse o Waikiki de Andrés Gómez; o Pezoas de Nicolás Ángel Álvarez; o I3D Atlántico de Guillermo Blanco e o Mondo de Bernardo Macedo.

Estas son as novas cifras nas marcadoras dunha competición que se vai poñendo cada vez máis emocionante. A Liga de Outono Gestilar J80 volve ás augas da baía de Baiona o próximo 3 de decembro para poñer en liza a cuarta e penúltima das cinco etapas que inclúe a competición neste 2022. Tres novas probas en programa e tres novas oportunidades para que as tripulacións poidan demostrar as súas aspiracións para a consecución do título outonal.