Nigrán conmemora o 25N cunha concentración e a campaña #NonDáIgual

O Concello de Nigrán conmemorou un ano máis o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, coa lectura pública dun manifesto na entrada do Auditorio Municipal e a campaña “NonDáIgual”. Así, a iniciativa do Centro de Información ás Mulleres (CIM) os establecementos comerciais e entidades do municipio locen esta cartelaría e “visten” esta semana os seus escaparates de negro en sinal de loito polas víctimas de maltrato e de lila polo rexurdir das mulleres que se levantan contra a violencia. Paralelamente, e como cada ano, a edil de Asuntos Sociais Bibiana Peixoto leu publicamente ás 11:00 na Praza do Concello un manifesto arroupada por decenas de veciños, o alcalde, demais membros da corporación municipal e traballadores do Concello. Todos xuntos gardaron un minuto de silencio en homenaxe ás 38 mulleres asasinadas neste ano 2022.

“Baixo o lema Non dá igual, interpelamos a reflexionar sobre a violencia que sofren as mulleres e que non sempre se materializa en agresións físicas, o maltrato psicolóxico, sutil, difícil de identificar para as vítimas e incomprensible para as persoas da súa contorna familiar, social e laboral, que abrangue comportamentos que van dende o illamento familiar ou social, o control económico ou o control das comunicacións, ata as humillacións e menosprezos. Con demasiada frecuencia as vítimas normalizan estos comportamentos”, sinalou Peixoto ao respecto da que considerou “o símbolo máis brutal da desigualdade existente na nosa sociedade”.