A Rondalla de Chaín celebra o seu 40 aniversario

Xa queda moi pouquiño para que volva actuar a Rondalla do Centro Cultural “A Merced” de Chaín. Este ano será especial, porque a agrupación de Gondomar cumpre 40 anos. Todo este tempo se foi traballando para conseguir que unha tradición perdure e se manteña moitos anos máis.

Unha tempada máis, ilusiónanse coas actuacións que teñen, en grandes cidades como Santiago ou Pontevedra, en certames con nome propio, como o Certame de Rondallas de Reis de Gondomar ou o Certame de Rondallas da Xunta no Ifevi, sen esquecer Certames máis novos como o do Concello de Nigrán, nin actuacións en Concellos como o de Baiona, e actuacións moi emotivas como a que veñen realizando nos últimos anos ao Hospital Álvaro Cunqueiro, “chea de emotividade para nós e para os que nos ven”, destacan desde a agrupación.

Pero quizais, a actuación máis emocional vai ser a que celebrarán o día 6 de decembro na súa parroquia, en Chaín, xa que, para esta ocasión, están preparando un espectáculo onde homenaxearán a todos os compoñentes da Rondalla, aos seus directores, principais de abandeirados e capitáns, toda esa xente que coa súa ilusión e o seu traballo fixeron que chegaran ata o día de hoxe con ese mesmo empeño, seguir levando a música de Rondalla a todos os recunchos do mundo.

O evento comezará ás 17:30 horas na pista do Centro Cultural “A Merced” de Chaín, contando coa colaboración da Rondalla da Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios e máis sorpresas.