Nigrán promove un Nadal cheo de “agasallos con historia”

Este Nadal o Concello de Nigrán propón regalar agasallos con historia. Con este obxectivo arrancou unha iniciativa novidosa proposta desde “El telefonillo” que pretende unir ás persoas mediante unha segunda vida (e relato) para os seus obxectos máis queridos. Con este fin, en cada unha das 7 parroquias quedou instalada unha caixa na que os interesados en participar deberán depositar algo persoal xunto cun escrito que resuma a súa particular vinculación co obxecto. O 7 de xaneiro será o momento de xuntar e expor todo o colleitado nunha festa especial na que os asistentes poderán escoller o agasallo ao que desexan darlle unha nova vida. Paralelamente, e vinculado a este idea, durante todo o mes se desenvolverán obradoiros e faladoiros interxeneracionais entre nenos e avós.

“Trátase de poñer o foco do Nadal no que realmente importa: as relacións interpersoais, o cariño, a empatía e a compañía”, explicou o alcalde, Juan González, na presentación da iniciativa no centro social de maiores de Vilameán. O propio rexedor depositou unha antiga bandexa promocional de Coca-Cola ilustrada con fotografías de toda a historia do Real Club Celta. “Para min é un obxecto querido e evocador porque aparecen os meus ídolos da mocidade e nunha está o cancerbeiro Hortas no partido que o Celta lle gañou ao Barcelona”, relatou no escrito que acompañou á bandexa. Xunto ao alcalde, a edil de Maiores María Mayán depositou un libro que representa o seu amor pola lectura desde a primeira infancia. A caixa de Vilameán xa contén, entre outras cousas, unha bufanda traída dunha viaxe ao estranxeiro por Auri Brión, que sempre as usa no inverno; un cofre que recibiu Pepita de mans do seu fillo cando este estaba a facer a mili, un vello mapa de estradas de Europa fundamental para Jovita cando non existía o GPS, ou unha sorpresa “para chegar de corazón a corazón” entregada por José Cabral.

“O único requirimento é que sexan obxectos que teñan unha historia detrás que contar. É unha iniciativa para que participe xente de todas as idades, pero é certo que a xente maior, por cuestión simplemente de idade, acumula máis vivencias e, polo tanto, máis historias”, explica a edil María Mayán.

As “caixas do vaivén” estarán instaladas en Parada no CEE Juan María, en Priegue no Centro Cultural “O Torreiro”, en San Pedro no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa, en Panxón no Pavillón de Deportes, en Camos no Centro Cultural “A Camoesa”, en Nigrán na Casa Consistorial, e en Chandebrito no bar da rúa Igrexa.