
Esta pasada fin de semana, do 18 ao 20 de novembro, o Club Baloncesto Baiona tivo a oportunidade de gozar dun intercambio deportivo e cultural coa vila de Pornic (Francia), con motivo da celebración do XXV Aniversario do Irmandamento entre ambas as dúas vilas en Baiona.
Esta gran experiencia empezou o pasado mes de outubro, cando os equipos Cadete Masculino e Júnior Feminino do CB Baiona viaxaron a Pornic a coñecer a vila e o seu club de baloncesto. Os días en Francia foron moi positivos, compartindo viaxes e baloncesto entre máis de 50 persoas. Para culminar o intercambio, esta fin de semana recibiuse en Baiona aos xogadores do Pornic Basket Saint Michel, onde todos os mozos e mozas tras a recepción oficial no Concello, gozaron de partidos de convivencia, visitas á Carabela Pinta de Baiona e aceso de luces de nadal en Vigo.
Desde o Club agradecen aos Concellos de Baiona e de Pornic polo seu apoio nesta experiencia, así como aos xogadores, familias, adestradores, á Asociación Pro Hermanamientos, ao Pornic Basket San Michel e demais persoas implicadas, xa que consideran que sen a súa colaboración esta gran aventura non sería posible. O Club Baloncesto Baiona espera seguir gozando destas actividades nas próximas edicións.