O BNG programa a palestra “A Saúde ten Sexo” dentro da súa programación de Acción Feminista en Gondomar

O BNG de Gondomar, dentro da programación de Acción Feminista na localidade, programa a palestra “A Saúde ten Sexo” para este martes 22 de novembro. A charla-coloquio, que terá lugar a partir das sete da tarde na sede do BNG no centro da Vila (rúa Manuel Alonso, 9 Baixo), será impartida pola médica Amaia Pérez-Izaguirre.

Nesta actividade quérese poñer o foco nas diferenzas entre homes e mulleres no que respecta á incidencia de enfermidades, á eficacia e aos efectos secundarios dos tratamentos, así como á invisibilización das enfermidades exclusiva ou predominantemente femininas, tales como a endometriose ou a fibromialxia.

A diferenza de sexo é un factor esquecido tradicionalmente pola medicina, tanto na investigación coma na práctica médica. Debido ao seu nesgo androcéntrico, a medicina toma o home como patrón da normalidade e non ten en conta que a diferente fisioloxía entre homes e mulleres implica un impacto diferente tanto das enfermidades coma dos propios medicamentos. Un exemplo ben coñecido é o dos síntomas diferentes do infarto entre homes e mulleres, que redunda nunha mortalidade superior no caso das mulleres. Outro exemplo moi recente é o do impacto que tivo a vacina da Covid-19 nos homes e nas mulleres, moitas das cales sufriron alteracións non previstas na menstruación

Todos estes exemplos, entre moitos outros dos que se falará na charla, demóstrannos, en palabras da médica Amaia Pérez-Izaguirre, “a necesidade de aplicar a perspectiva feminista sempre. Na medicina tamén”.