Joan Plaza, “Chacho” Rodríguez ou Nerea Barros colaboran co CB Nigrán na súa homenaxe ás vítimas da violencia machista

O CB Nigrán rende un ano máis unha sentida homenaxe a todas as mulleres e nenos que este 2022 perderon a vida por culpa da violencia machista. Así, realizaron de novo un vídeo no que colaboraron persoas de diferentes ámbitos como Aito García Reneses, Joan Plaza, “Chacho” Rodríguez, Moncho Fernández, a actriz Nerea Barros ou o árbitro de ACB Miguel Ángel Pérez, entre outros, así como os xogadores e xogadoras do club xunto ás súas familias.

Todos eles aparecen no vídeo portando unha pelota de baloncesto, un balón por cada muller, así como por cada un dos nenos e nenas asasinados neste 2022. Todos quixeron colaborar nesta iniciativa do Club de Baloncesto Nigrán, que forma parte do traballo social que realizan desde o club, onde consideran un aspecto fundamental traballar valores a través do deporte.

Un total de 42 balóns que simbolizan ás vítimas e cos que o Club Baloncesto Nigrán debuxará un gran lazo na pista de xogo do pavillón municipal de Panxón en torno ao cal se colocarán os xogadores, adestradores, directivos e familias do club, constituíndo a imaxe final do vídeo.

Son xa 7 anos os que leva o CB Nigrán realizando esta iniciativa. 373 balóns para 373 mulleres e nenos asasinados desde entón aos que se lembra nestes vídeos a través dos cales se busca concienciar e sensibilizar sobre esta lacra social que non cesa no seu goteo de vítimas.