A Xunta adxudica por preto de 1,8 M€ as obras destinadas a reducir o risco de inundación en Gondomar

A Xunta vén de adxudicar por preto de 1,8 millóns de euros as obras destinadas a reducir o risco de inundación dos ríos Miñor e Zamáns, no concello de Gondomar. As actuacións, adxudicadas á UTE – Prace Servicios y Obras, S.A. – Francisco Gómez y CIA, S.L., comezarán a inicios do vindeiro ano e terán un prazo de execución de 12 meses. As bacías dos ríos Miñor e Zamáns, en Gondomar, forman parte dunha área de risco potencial significativo de inundación, e a Xunta quere contribuír a minoralo mediante esta actuación que se vai executar no marco dun acordo de colaboración co Concello.

Para acadar este obxectivo, prevese acometer actuacións estruturais para mellorar a drenaxe na zona na que a confluencia dos ríos Miñor e Zamáns incrementa o risco das crecidas. As intervencións enmárcanse na colaboración da Xunta co Concello de Gondomar, pola que a Administración autonómica se comprometeu a executar e financiar integramente as obras, mentres que o municipio asumiu o deber de poñer os terreos á disposición, un trámite que se demorou máis do previsto.

As obras executaranse no treito do río Miñor que vai desde a ponte da avenida do Conde de Gondomar -augas arriba do antigo colexio- ata a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns que vai desde a ponte da avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río Miñor. A Xunta levará a cabo a demolición desa ponte da avenida Curros Enríquez, coa construción dun novo viaduto con máis amplitude que permita aumentar a capacidade de desaugue fronte ás enchentes; e a execución dunha canle de alivio baixo o novo viaduto, conectando os ríos Zamáns e Miñor.

Tamén se procederá á elevación da altura do muro do río Zamáns; ao rebaixe para eliminar o recheo xunto ao campo de fútbol, na marxe esquerda do río Miñor; e á limpeza das canles de ambos os dous ríos, á recuperación do bosque de ribeira ou á adecuación e mellora da zona do paseo Carlos Casares. Estas intervencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.