Baiona pon en marcha un plan formativo municipal co curso de Competencias Clave Nivel 2

O Concello de Baiona poñerá en marcha o vindeiro 22 de decembro un plan formativo municipal co Curso de Competencias Clave Nivel 2 (competencia en lingua castelá, matemáticas e lingua galega) que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral e incrementar as oportunidades para acceder ao mercado laboral dos veciños e veciñas do municipio. As persoas participantes nesta formación adquirirán as competencias clave e poderán acceder os certificados de profesionalidade de nivel 2 e mellorar a súa cualificación profesional.

A Concellería de Emprego do Concello de Baiona, consciente da necesidade de formar a unha porcentaxe importante da poboación do municipio (que pola súa idade ou situación sociolaboral) non tiveron acceso ou abandonaron a formación conducente á titulación de graduado na ESO, polo que se ven limitadas as súas ferramentas persoais para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 vendo así mermadas as súas expectativas de mellora da empregabilidade e de inserción laboral pon en marcha un CURSO DE COMPETENCIAS CLAVE NIVEL 2 (competencia en lingua castelá, matemáticas e lingua galega) cunha carga lectiva de 265 horas.

Está dirixido a persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e que carezan da ESO e empadroadas no municipio de Baiona. En caso de non cubrise as prazas coa poboación empadroada no municipio poderá abrirse á cidadanía dos concellos do Nigrán e Gondomar e o Concello de Oia. O curso comezará o día 22 de decembro de 2022 e rematará o 24 de marzo de 2023 en horario de 9:30 a 13:30 de luns a venres no Centro Multiusos Ángel Bedriñana situado na Rúa Carabela Pinta nº 11 entre chan.

As persoas interesadas deberán presentar a súa instancia no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica no modelo de instancia previsto. O prazo iníciase o día 21 de novembro de 2022 e remata o día 2 de decembro 2022. As bases que regulan a convocatoria poden descargarse na páxina web municipal (www.baiona.gal) e no taboleiro electrónico ou poden ser recollidas no Rexistro do Concello. Todos aqueles veciños e veciñas interesados en participar na formación poderán descargarse a instancia de solicitude na seguinte ligazón.