A oposición pedirá a dimisión do alcalde de Baiona no pleno extraordinario deste xoves

O pleno extraordinario solicitado por toda a oposición de Baiona, grupo municipal popular e C´s, para pedir responsabilidades pola xestión do Barbeira Season Fest 2022 será este xoves ás 12:00 horas. Debaterase un único punto na orde do día, a dimisión do alcalde de Baiona, o socialista Carlos Gómez, por permitir a instalación e a posterior celebración deste evento a pesar de ser consciente de que non contaba con licenza municipal. Un permiso que el mesmo denegoulle en varias ocasións, a última un día antes de que finalizase, por non presentar toda a documentación requirida. Con todo, o rexedor non paralizou a súa instalación e nin a súa celebración. É máis, estivo presente en todos os actos de presentación e promoción do festival.

Ao non contar con autorización municipal, o Concello tampouco lle cobrou a taxa de ocupación do espazo público ao organizador do evento, que sería, como mínimo, de 40.000 euros segundo os populares. Con todo, a empresa mantivo pechada a zona da Palma durante nove días, entre montaxe e desenvolvemento da actividade, impedindo o paso aos veciños e visitantes. “Un uso privado desta zona pública tan utilizada para un fin lucrativo do que só se beneficiou a empresa organizadora co consentimento e a colaboración necesaria do alcalde”.