Voluntarios de Proxecto Ríos denuncian dous vertedoiros en Gondomar

Voluntarios de Proxecto Ríos de Gondomar fixeron hoxe a prospección rutineria de outono onde recolleron mostras da auga, calculan entre outras o caudal, a temperatura e a velocidade da auga, analizan os macroinvertebrados, a flora e o estado xeral da vexetación así como posibles verteduras e lixo acumulado. En relación a isto último denuncian un vertedoiro procedente da obra de restauración da ponte do barrio do Río en Vilaza. “En ambas marxes podemos apreciar entullo e incluso no leito do río. É unha vergoña e un auténtico despropósito que na actualidade, co que xa sabemos e co que está sucedendo no planeta, aínda se produzan estas actuacións. Co agravante de ser obra pública”, sinalan. Neste senso tamén denuncian as diferentes entulladas de obra depositadas na área de descanso do Pego Negro. “Esiximos ao goberno municipal que retire ou faga retirar o lixo destes lugares e tome medidas para sancionar aos responsables”, conclúen.