
O Concello de Baiona inicia a próxima semana o primeiro proxecto de reforma tras 70 anos do Barrio da Anunciada. Un proxecto cun investimento de 124.929,25 euros con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. Uns traballos de renovación integral de humanización e mellora dos servizos dun dos tradicionais barrios da Vila. Entre as actuacións proxectadas atópase a execución da mellora da rede de saneamento, en moi mal estado, polo que se vai a acometer unha execución integral do servizo. Isto supón a renovación integral das conexións a saneamento das vivendas. Tamén se mellorará a recollida de pluviais, a mellora da rede de abastecemento para todas as vivendas, así como a súa rede xeral, polo que inclúe unha nova canalización para as augas pluviais co fin de minimizar os asolagamentos.
A intervención poñerá fin ao deterioro dos servizos básicos no barrio, pero tamén pretende mellorar a estética do espazo, que tamén viuse prexudicada polo paso dos anos. Así mesmo, procederase á substitución do alumeado público, realizando o cambio das luminarias, unhas das máis antigas, por tecnoloxía led. Os traballos complétanse coa humanización e mellora da accesibilidade das rúas. Substituirase o pavimento por completo garantindo a seguridade do viario. Instalaranse ademais bancos e ornamentación vexetal. Prevese un prazo de execución de dous meses.
“O ámbito de actuación supón unha gran superficie. Na actualidade, existen redes de servizos de todos os tipos. O pavimento atópase fisurado, descarnado e con síntomas de desintegración superficial, o que fai necesario acometer unha actuación importante na zona que restableza as condicións de seguridade e comodidade para os veciños e veciñas”, destaca o Concelleiro de Urbanismo, Óscar Martínez Álvarez. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que “coa posta en marcha destes traballos o goberno municipal baionés quere saldar unha débeda histórica coa veciñanza da urbanización A Anunciada, tras unha continuada discriminación por parte dos anteriores gobernos”.
O rexedor considera prioritario “ir mellorando e dotando de proxectos como este aos diferentes barrios do municipio que ata o de agora estaban esquecidos, con este obxectivo decidiuse investir a maioría do montante do capítulo de investimentos recollidos nos Orzamentos”. A gran parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra dedícase á mellora dos barrios. Facer importantes investimentos nestes barrios é unha das grandes apostas do equipo de goberno, por iso contémplase para eles un plan de mellora de camiños municipais, melloras na iluminación con cambios de luminarias por tecnoloxía led, proxectos de saneamento, pavimentación de vías públicas ou rehabilitación do patrimonio.