Dúas concelleiras de Nigrán participan en Mallorca no encontro internacional de mulleres electas “Les Elegides”

O Concello de Nigrán, a través da edil de Igualdade, Patricia Diego, e de Servizos Sociais, Bibiana Peixoto, é o único municipio de Galicia en estar presente no primeiro encontro internacional de mulleres electas “Les Elegides”. O evento organizado polo Fondo Mallorquín de Solidariedade e Cooperación en Palma entre os días 10 e 12 de novembro nace co obxectivo de visibilizar a participación das mulleres na toma de decisións e de tecer redes de colaboración entre elas. En Galicia, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lanzou unha convocatoria para que asistisen concelleiras do eido social da comunidade, presentándose finalmente só as dúas de Nigrán.

“Estamos tendo unha oportunidade marabillosa de intercambiar ideas e experiencias entre Sur e Norte para mellorar a gobernanza e continuar así incorporando o enfoque de xénero á democracia local, que é o ámbito que nós representamos”, explican as concelleiras de Nigrán, coñecedoras tamén de primeira man do traballo específico do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (presidido precisamente polo alcalde de Nigrán) e a Mancomunidade do Val Miñor, involucrados ambos no proxecto Nadafa, de recollida de lixo e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados saharauís en Arxelia, proxecto para o que están contratadas 20 mulleres.

A este foro asisten mulleres electas de todo o mundo, con especial atención aos países do Sur, e entre as relatoras figuran a ex-alcaldesa de Dakar (Senegal), Soham O Wardini; a alcaldesa de Sala (Suecia), Carola Gunnarsson; a presidenta da Asociación de Concelleiras de Bolivia, Georgina Hinojosa; a presidenta da Rede de Mujeres Electas locais en Níxer, Mariama Chipkanou; a concelleira de Lutsk (Ucraína), Iryna Kolkovska; a concelleira de Jezzine (Líbano), Rita Abou ou a concelleira de Cotagaita (Bolivia), VitaliaLlave.

Cómpre destacar que, precisamente, a Axenda 2030 de Obxectivos do Desenvolvemento Sostible indica no fito 5.5: “Asegurar a participación plena e efectiva das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado a todos os niveis decisorios na vida política, económica e pública”.