O “Novembro Lila” achega a igualdade aos centro escolares de Baiona

A programación organizada pola Concellería de Igualdade de Baiona co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, “Novembro Lila”, continúa coas súas actividades. A Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, achegouse hoxe ata o CEP Sabarís para coñecer o proxecto “Tola ou subversiva?” de Mónica Sueiro, directora da Aula de Teatro de Baiona, e escoitar de primeira man as impresións do alumnado de sexto de primaria ao que vai dirixida esta actividade.

Hoxe foi a quenda do CEP Sabarís e CEP Belesar, que acolleron a acción programada pola Concellería coa que o que se busca é ofrecer dunha maneira lúdica ferramentas coas que favorecer novos modelos de relación entre mulleres e homes baseados na igualdade, paz, xustiza e convivencia.

Esta mesma actividade desenvolveuse este martes no CPI Cova Terreña e o mércores no CEIP de Fontes. Trátase dun proxecto que se abarcará en dúas sesións polo que volverá a igualdade ás aulas baionesas a vindeira semana.

O “Novembro Lila” é un programa deseñado para dar visibilidade á lacra da violencia machista coincidindo co 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Trátase dunha programación que abarcará todo o mes de novembro e contará cunha importante presenza feminina, cuxas pezas e traballos contan historias vividas e sentidas por mulleres.