Nigrán inicia os traballos para crear o parque forestal “Os Matos-Río Táboas”

O Concello de Nigrán iniciou esta semana de mans da súa propia brigada municipal os traballos para crear o primeiro parque forestal da comarca, situado na zona do Río Matos – Táboas. Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, situarase en 42 hectáreas (420.000 m²) de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas) e foron cedidas ao consistorio con este fin. O obxectivo das tres entidades é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados, ademais de servir de barreira protectora fronte ao lume. O investimento total será de 400.000 €.

“Será, posiblemente, o proxecto medioambiental máis ambicioso da comarca nas últimas décadas e estará listo a finais de 2024. Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, quixemos poñer en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, servirá de protección fronte aos lumes para os núcleos de poboación máis próximos”, resume o rexedor, Juan González, quen defende a execución dos traballos por parte da brigada forestal municipal como “a mellor solución”. “Resulta máis económico para as arcas municipais, máis áxil e, ao mesmo tempo, xeramos emprego de calidade”, sostén tras lamentar a tardanza de 20 meses en o obter os informes sectoriais favorables (Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Seguridade Aeronáutica, Patrimonio…).

O proxecto contempla nunha primeira fase a erradicación completa das especies invasoras (fundamentalmente eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións autóctonas e, nunha segunda fase, a creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petróglifos…

O grave incendio de 2017 asolou todo este terreo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as plantacións de coníferas e frondosas. Actualmente o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que, grazas á intervención humana, se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos irían destinados a restaurar a cuberta arbórea a manter asó o seu microclima húmido.

O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petróglifos; ou restauración do coñecido como Muíño do Medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a primeira delas inclúe zona de aparcamento); acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo; medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…).

Os traballos para recuperar a fraga comezarán coa eliminación das especies invasoras, corta das árbores queimadas, roza manual da matogueira, tratamentos silvícolas nas frondosas existentes e replantación das mesmas. Na parte central do parque, en 6,5 ha, contémplase un arboredo representativo dos bosques galegos con carballos, cerquiños, acivros, castiñeiros, loureiros e sobreiras. Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas. Os usos produtivos estarán tamén presentes para eliminar a produción madereira de piñeiro e eucalipto por zonas de produción de castañas, noces, cogomelos e madeiras nobres.