Concerto do grupo de saxofóns “Lítore Quartet” en Nigrán

O Concello de Nigrán ofrece este domingo 13 de novembro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal o concerto do grupo de saxofóns mallorquín “Lítore Quartet”. Este se encadra no ciclo de “Novos Intérpretes”. A entrada é de balde ata completarse o aforo. O cuarteto tocará pezas de Eduardo Soutullo, Jerónimo Gordillo, Fernande Decrcuck, A. Desenclos, Eugene Bozza e, con especial atención a estrea absoluta en Galicia dunha peza da compositora estremeña María José Fontán.

Lítore Quartet céntrase no estudo e a difusión do repertorio para cuarteto de saxofóns. O seu afán principal é apoiar as obras de compositores actuais, así como seguir ampliando o repertorio para a formación. Entre os seus galardóns destaca o terceiro premio no concurso King’s Peak International Music Competition (EEUU, 2021), o primeiro premio no Concurso de Música de Cámara Ciudad de Ávila (Ávila, 2021), o primeiro premio no XXIV Pòdiums de Música de Cambra (Sant Joan de Vilatorrada, 2021), o segundo premio e o premio á mellor interpretación de música de compositor español no Certame Internacional para Novos Intérpretes Pedro Bote (Villafranca de los Barros, 2021), o primeiro premio no Concurso de Música de Cámara do CSMIB (Palma, 2022), o Premio Rookie Chamber Music (Madrid, 2022), o primeiro premio no Certame per a Joves Intèrprets Art Jove 2022 (Mallorca, 2022) ou o primeiro premio no Concurso Internacional de Música de Cámara de Arnuero (Arnuero, 2022).

Tamén participa en numerosos festivais como son Concerts a l’horitzó 2020 (Palma, Illas Baleares), o III Festival Internacional de Música de Cambra de Mallorca (Mallorca, Illas Baleares), o Cicle de Música á Cambra Can Balaguer 2020 (Palma, Illas Baleares) e SineuSax 2020 (Sineu, Mallorca). Ademais colaborou con institucións como Celler Tianna Negre (Binissalem, 2020) ou a Fundació Pilar i Joan Miró (Palma, 2020).