Baiona pon en marcha un programa de compostaxe domiciliaria

O Concello Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, leva a cabo unha campaña de compostaxe domiciliaria para promover a reciclaxe da fracción orgánica dos residuos en orixe. “Poderán participar as veciñas e os veciños da localidade, que recibirán de forma gratuíta os medios necesarios para poder elaborar compost a pequena escala e tamén a formación necesaria sobre como reciclar eses residuos”, sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado. As accións de difusión iniciáronse hoxe coa instalación dun posto informativo no Mercado de Sabarís, que marca o inicio deste programa. “As persoas que queiran participar recibirán información sobre a técnica de autocompostaxe e deberán inscribirse previamente para, nunha segunda fase, proceder a seleccionar aos participantes e tamén entregarlles os medios materiais e asesorándoos por parte de persoal técnico especializado”, explica.

O rexedor local apuntou que xa están programadas as xornadas de difusión que se levarán a cabo para esta campaña co fin de sensibilizar á poboación sobre a importancia e as vantaxes da compostaxe domiciliaria. Gómez Prado explica que un dos obxectivos desta campaña é procurar unha saída aos residuos orgánicos que se xeran nos fogares e, tamén evitar que a xente tire restos vexetais ou de podas nos contedores municipais ou na propia vía pública. “Esta é unha iniciativa máis das programadas na área de educación ambiental, pensada para mellorar a eficacia da recollida selectiva a través da separación previa da materia orgánica en orixe e permitindo así reducir o volume de residuos que a diario recolle o servizo de recollida de residuos sólidos urbanos”, asegura.

Todos aqueles veciños e veciñas interesados en participar no marco do programa da “Compostaxe doméstica no Concello de Baiona” poderán realizar a solicitude do composteiro individual a través da páxina web do Concello de Baiona. Entre os requisitos para solicitar o composteiro figuran ser maior de idade e estar empadroado/a no Concello de Baiona ou pagar o recibo da taxa do lixo na localidade. Solicitarase un único composteiro por unidade familiar, e o composteiro deberá permanecer no termo municipal de Baiona para realizar o seguimento. Hai que dispoñer dun terreo onde instalar o composteiro individual para pechar o ciclo da materia orgánica.

Máis información a través da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Baiona situada no primeiro piso da Casa Consistorial ou chamando ao 986385919. Horario de atención ao público de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas.