O muralista nicaraguano Manuel Alaníz imparte un obradoiro no IES Proval

O IES Proval recibiu este venres ao muralista nicaraguano Manuel Alaníz para ofrecer ao alumnado un obradoiro de debuxo urbano encadrado no proxecto europeo People & Planet. A actividade foi organizada polo Concello de Nigrán e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que o alcalde, Juan González, preside. Alaníz representa á Fundación de Apoyo al Arte Creador Infantil (FUNARTE), que emprega a arte para impulsar a participación social da xente nova, facéndoa partícipe do desenvolvemento comunitario. A través de murais públicos colectivos, avogan ademais polo cumprimento dos seus dereitos.

O primeiro contacto de Alaníz coa pintura libre tivo lugar hai máis de tres décadas, cando era un neno de só 11 anos, e a súa traxectoria céntrase no muralismo. Como educador artístico, ten experiencia asemade en Guatemala, Francia, Irlanda, Bélxica ou Palestina. Agora acaba de chegar de Holanda, onde traballou con alumnado de distintos centros educativos sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da man do Consello Nacional para Irmandamentos entre Cidades de Países Baixos e Nicaragua (LBSNN).

Igualmente, Juan González recibiu tamén este venres na Alcaldía do Concello de Nigrán a Antón Leis García, director xeral da Agencia Española de Cooperación Internacional y Desarrollo (AECID) para tratar de asuntos xerais sobre a cooperación municipalista, a nova lei de cooperación e que, máis en concreto, vinculan ao Fondo Galego.