A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Ondas na Concheira.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para este domingo unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará ao mediodía de mañá domingo con mar combinada do noroeste con ondas de ata 7 metros. Indica tamén que xa desde primeiras horas da mañá haberá alerta amarela en todo o litoral de Galicia con ondas de ata 5 metros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.