
O Multiusos Mercado de Sabarís acolleu na tarde deste venres a presentación da programación “Novembro Lila”, organizada pola Concellería de Igualdade, dirixida por Yasmina Moreira Costas, co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller no Concello de Baiona. A xornada estivo amenizada polas versións de pop, soul, jazz e funk de “Two in the Mirror”.
O “Novembro Lila” conta cunha ampla programación que nesta ocasión estará marcada polo intercambio de experiencias no ámbito da igualdade entre os consistorios irmáns de Baiona e Pornic, todo iso enmarcado nos actos do 25 Aniversario do seu Irmandamento. Este ano a Concellería de Igualdade de Baiona vai aproveitar esta efeméride para abrir o círculo e integrar a mirada de artistas francesas, as cales forman parte da programación, non só expoñendo as súas pezas, senón que tamén dirixirán obradoiros para o alumnado dos centros educativos baioneses.
Entre as actividades estrela desta edición 2022 atópase a exposición e o encontro coas artistas “Afinidades Diversas”. Anne Malgogne Dumesnil “Amodu”, Brigitte Darras Dit “Bivan”, Fabbienne Alliou-Lucas, son as artistas francesas que xunto ás artistas baionesas Irene Silva, Mar Caldas e Elvira Jardón expoñerán os seus traballos dende o 4 ata o 27 de novembro no Multiusos Mercado de Sabarís, podendo visitarse os sábados de 16:30 a 19:00 horas e os domingos de 16:30 a 19:30 horas, unha oportunidade moi valiosa para tecer lazos e traballar en proxectos comúns no futuro. (Para visitas grupais concertar cita no teléfono 620065056).
Así mesmo, Anne Malgogne Dumesnil “Amodu”, Brigitte Darras Dit “Bivan”, Fabbienne Alliou-Lucas, son as artistas francesas que xunto coa artista baionesa Irene Silva, impartirán unha serie de obradoiros para o alumnado de 1º da ESO do CPI Cova Terreña.
Mónica Sueiro, directora da Aula de Teatro de Baiona, levará o Proxecto “Tola ou subversiva?” ao alumnado de sexto de primaria dos distintos centros educativos de Baiona.
Durante todos os domingos deste mes de novembro haberá unha cita fixa ás 12:00 no Multiusos Mercado de Sabarís. Tres destes domingos estarán dedicados aos nenos con contacontos. Así, o domingo 6, Paula Carballeira divertirá aos máis pequenos co contacontos “Tres irmáns, tres camiños e tres grandes perigos”; o domingo 13 será a quenda de Caxoto con “Contacontos vellos, novos finais. Moito que limpar”, e o último domingo do mes, o 27, Raquel Queizás será a encargada do contacontos “Travesías. Aventuras de libros”. O domingo día 20 de novembro, a cita será co teatro “Aprendendo a querer” de Trinke Trinke Teatro, Isabel Risco.
O 25N, venres, está previsto no Auditorio V Centenario o acto de conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
A concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, sinala que o “Novembro Lila” é un programa deseñado para loitar contra a violencia machista dende varios ámbitos da sociedade. “Sensibilizamos e educamos a través da cultura e as súas diferentes expresións. Despois de varias edicións desta programación decatámonos que é unha maneira eficaz de chegar á xente, e esta maneira de facer foi exemplo e espello para outras entidades que se sumaron para seguir traballando neste eido. A pesar de todo este esforzo, semella que a violencia non cesa, pois case a diario coñecemos novos casos, non por iso imos deixar de traballar e seguir loitando contra esta situación de desigualdade”.