O PP de Baiona reclama información sobre o estado da fonte de O Pombal

“A inacción e a parálise do goberno local de Baiona presidido polo PSdeG manteñen precintada desde hai dous meses a fonte máis emblemática e coñecida no municipio, a de O Pombal, ao non preocuparse por realizar as analíticas necesarias para coñecer se a auga a día de hoxe xa é potable e pode ser consumida polos veciños”, denuncian desde o Partido Popular. Precisamente, usuarios habituais desta fonte situada no Camiño Real, en Sabarís, trasladaron as súas queixas aos populares ante a falta de información por parte do Concello desde que o 10 de setembro decidiu desaconsellar o seu consumo por estar “no límite da potabilidade”, segundo un comunicado emitido polo consistorio baionés difundido nos medios de comunicación.

O PP de Baiona urxe ao goberno local e á Concellería de Medio Ambiente a abandonar o letargo e solucionar os problemas diarios dos baioneses. “Neste caso concreto, deben de poñerse a traballar para solicitar analíticas de forma periódica que permitan coñecer a estado da auga para saber se a día de hoxe xa se pode abrir aos veciños. Un labor que xa debían de facer durante estes dous meses, ademais da limpeza e desinfección da mina”. “Esta fonte, a máis antiga e historicamente utilizada polos veciños pola calidade das súas augas, datada no S. XV, abastece tamén a peregrinos ao estar situada en pleno Camiño de Santiago, non pode seguir quedando no esquecemento”, reclaman os concelleiros do grupo municipal popular.