A Vigo-Copa de España repetirá en 2023 como broche de ouro

O próximo 21 de maio Vigo volverá exercer de capital estatal do ciclismo. A Comisión Delegada da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) aprobou nas últimas horas o calendario da Copa de España 2023 e a proba organizada pola entidade que preside José Luis Chamorro repite como clausura das once xornadas que forman parte do certame Elite-Sub23. Será un peche ao grande.

A terceira edición da Vigo Copa de España manterá o compromiso co espectáculo que desde a súa aparición fixo gala esta carreira. Tras estrearse en 2021 cun esixente percorrido que se resolveu ao sprint na Avenida de Beiramar, este ano a organización deseñou o trazado máis duro de todas as probas que se disputaron ao longo da tempada. O desnivel acumulado en 180 quilómetros, con seis portos de montaña puntuables, superou os 4.000 metros e a loita pola vitoria resolveuse nun explosivo e agónico final no “muro” da Madroa.

Os detalles do itinerario que afrontarán os corredores o domingo 21 de maio daranse a coñecer nos próximos meses. Gañar en Vigo supón garantirse o salto ao campo profesional. Marc Brustenga, o vencedor hai dous anos, deu o salto esa mesma campaña ao Trek-Segafredo estadounidense e Alejandro Franco, que alzou os brazos na Madroa, defenderá en 2023 as cores do Burgos BH.

Éxito organizativo

Ademais do aspecto deportivo, o Vigo-Rías Baixas ten o desafío de manter o nivel organizativo das dúas próximas edicións. A proba acaparou eloxios dos participantes e institucións, contando no seu primeiro ano co hándicap de celebrarse nun escenario de restricións sanitarias debido á pandemia pola COVID, o que levou ao club anfitrión a facerse cargo dos tests de antíxenos dos ciclistas para garantir a seguridade sanitaria do evento.

O apoio das entidades públicas resultou decisivo para consolidar unha cita que asegura un importante retorno económico a Vigo e a súa comarca. Os hoteis da cidade olívica e das localidades da súa contorna acollen durante varios días aos membros dunha caravana que este ano alcanzou a cifra de 28 equipos, a participación máis numerosa de toda a Copa de España.