“Papagena”, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Gondomar

“Papagena”, a última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este sábado 5 de novembro, ás 21:00 horas, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar. Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes, que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

“Papagena” é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre “A frauta máxica”, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

A entrada do espectáculo é gratuíta ata completar o aforo. A función enmárcase no programa “Con-fiando Cultura” da Deputación de Pontevedra.