O Club ATV Distrito XVIII de Baiona, a AVV Novo Vigo e APAMP organizan a VI Xuntanza Discapaciquad

Por sexto ano consecutivo, o Club ATV Distrito XVIII de Baiona, a Asociación de Veciños Novo Vigo e APAMP (Asociación de familias de persoas con parálise cerebral) organizan a VI Xuntanza Discapaciquad. Este ano este evento de convivencia cambia de espazo e terá lugar na rúa Pedra Seixa do barrio vigués de Navia. Será este sábado 5 de novembro en horario de 10:00 a 18:00 horas.

A actividade principal será gozar dun paseo en vehículos Atv’s de dúas prazas e boogies, durante un percorrido aproximado de tres quilómetros. No percorrido haberá unha xincana de obstáculos na que terán que atravesar un balancín metálico, un foso con auga, xogos de puntería e habilidade, ata dirixirse ao punto de remate do percorrido onde se fará o cambio cun novo participante. Ao mesmo tempo, faranse diferentes actividades e xogos montados nos quads.

A idea é achegar ás persoas con discapacidade, a posibilidade de gozar das sensacións que produce circular nestes vehículos: sensación de liberdade, velocidade así como tamén poder desprazarse por lugares non accesibles para as cadeiras de rodas, podendo gozar da natureza.

Ademais das rutas en quads, levaranse a cabo diversas actividades musicais e de ocio. Contarán coa presenza do Club Deportivo Tamiar APAMP, do grupo de Bombeiros Afouteza, dos membros de Discamino e co equipo canino de Lara Martínez. Todos eles realizarán diversas demostracións e exhibicións das súas actividades. A actividade realízase en colaboración coa Asociación Quad Galicia, a Xunta de Galicia e o Concello de Vigo.

Programación VI Xuntanza Discapaciquad

  • 10:00/13:30h: Inicio da actividade/percorrido quads.
  • 11:00h a 12:00h: Exhibición boccia e slalom.
  • 11:00 a 12:00h: Xogos circuíto APAMP.
  • 11:30 a 12:30 Exhibición bombeiros Afouteza.
  • 12:30h Actuación Pandereteiras de Tangaraño.
  • 13:00h Visita Club Baloncesto feminino Navia.
  • 13:30 a 15:00h: Comida/vermú.
  • 15:00 a 18:00h: Circuíto Quads.
  • 16:00 a 17:00h: Exhibición canina Lara Martínez.
  • 17:00 a 18:00h: Actuación Pandereteiras Pándegas das Teixugueiras.
  • 18:00h: Fin da actividade.