Así será o Paseo Pinzón de Baiona tras a súa reforma integral

Esta tarde o Auditorio Municipal V Centenario acolleu a presentación do Proxecto de Remodelación do Paseo Pinzón. O Director de Obra Manuel Portolés foi o encargado de explicar á veciñanza a reforma integral despois de 40 anos desta zona por un valor de 1.058.655,41€ máis IVE. O proxecto será cofinanciado xunto coa Deputación de Pontevedra, que achegará o 48% do investimento ao abeiro do convenio acordado en xaneiro dentro do Plan ReacPon, mentres que o 52% restante correrá a cargo do Remanente de Tesourería que xa estaba reservado no pleno ordinario do mes de marzo.

O alcalde considera urxente actuar nesta zona peonil de algo máis de 6.000 metros cadrados para frear o afundimento do terreo que se agrava tras máis de corenta anos de actuación dende o mar sen mantemento. A transformación será total e a solución levarase a cabo segundo o estudo xeotécnico e topográfico realizado na zona para modernizar unha das áreas recreativas máis concorridas da vila, especialmente nos días de marea para observar as ondas. O proxecto contempla renovar o firme para poñer fin ao afundimento do terreo. As baldosas superficiais obsoletas serán substituídas por formigón pulido de cores. Crearase unha zona de xogos para os máis pequenos e zonas verdes. Tamén se renovará toda a iluminación para cumprir cos obxectivos de desenvolvemento sostible apostando pola eficiencia e o aforro enerxético.

As obras comezarán nas vindeiras semanas e espérase que duren seis meses. “O balcón ao Atlántico do noso municipio, unha zona na que se pode contemplar un dos mellores solpores do mundo, será máis accesible e moderno para gozalo durante todo o ano”, destaca o alcalde, Carlos Gómez Prado. A reforma integral do Paseo Pinzón será a primeira fase dun plan de reordenación de toda a zona situada entre as praias urbanas da Concheira e A Ribeira. “Queremos redefinir toda esa zona dividida en tres espazos illados. Comezamos polo Paseo Pinzón porque é o máis urxente, pero tamén abordaremos A Palma e o Paseo da Ribeira para convertelos nunha contorna unificada, esteticamente homoxénea, que conserve o carácter histórico e o uso deportivo e de ocio”, conclúe o rexedor.